ENCONTRO CON ALFONSO MASCUÑANA, VOLUNTARIO NA ILLA DE LESBOS!



ENCONTRO CON ALFONSO MASCUÑANA RECÉN CHEGADO DE LESBOS

O vindeiro mércores 16 de marzo no Salón de Actos do Colexio S.C. de Placeres haberá un encontro aberto a todo o público con Alfonso Mascuñana Bordas. Alfonso acaba de chegar da Illa grega de Lesbos onde colaborou de voluntario vivindo en primeira persoa a situación dramática dos refuxiados. Casado e con 3 fillas, este mestre de Filosofía xubilado e militante en diferentes colectivos a prol dos dereitos das persoas, partiu pola súa conta cara Lesbos despois empregar moito tempo en contactar a través de internet con colectivos que desenvolven tarefas de axuda na zona. Finalmente a través de Starfish Foudation, logrou o seu obxectivo e a principios do mes de febreiro chegou a Lesbos. Alí viu o sufrimento de milleiros de refuxiados inmersos nunha escapada da fame e da guerra: familias enteiras intentándose aferrar a única esperanza que teñen neste momento: Europa. Acaba de chegar de Grecia e non deixa de recibir chamadas de medios de comunicación e colectivos para que lle conten a súa experiencia.
Non é a primeira vez que Alfonso emprende un camiño desta índole. Xa nos anos 80 participou en Nicaragua de voluntario nun campamento de refuxiados que escapaban da guerra. Alí estivo ano e medio colaborando nas tarefas de educación e alfabetización no medio dunha zona de disputa armada.
O vindeiro mércores 16 de marzo desprazarase dende Palavea, o seu barrio da Coruña ata Pontevedra para manter unha charla-coloquio na que falará da súa experiencia en Lesbos e amosará algunhas imaxes do lugar onde colaborou. Será ás 18:00h no Salón de Actos do Colexio de Placeres. Ademais da participación da comunidade educativa do propio colexio, agárdase a presenza de membros de diferentes colectivos sociais da zona de Pontevedra e o Morrazo. Horas antes terá un primeiro encontro cos alumnos da ESO do Sagrado Corazón de Placeres, os cales traballan dende hai uns días en diferentes proxectos sobre o tema.


O equipo de Pastoral!



Comentarios